A Xunta entrega unha moto acuática á Mancomunidade do Val Miñor para os servizos de emerxencia

A Xunta continúa reforzando e dotando de máis equipamento ás Agrupacións de Protección Civil galegas e aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), coa entrega esta mañá por parte do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, de 6 remolques de emerxencias, 2 motos de auga, 1 equipo de excarceración e 3 furgóns, seguindo así coa folla de ruta iniciada para dar unha mellora resposta ante as emerxencias en calquera punto da nosa comunidade, cunha inversión global que supera os 10 millóns de euros.

Desta volta, os concellos de Cambados, Marín, Moaña, Ponteareas, Ribadumia e Tomiño recibiron cada un deles, un remolque de emerxencias; a Valga, Ponteareas e Sanxenxo foille entregado un furgón; a Lalín un equipo de excarceración e a Sanxenxo e á Mancomunidade do Val Miñor, unha moto acuática. Coa entrega de hoxe, o Goberno galego levou a cabo unha inversión de preto de 364.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

Esta entrega da continuación ao camiño iniciado nos últimos anos de dotar de máis material e equipamento de emerxencias ás Agrupacións de Protección Civil aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais. que co seu esforzo e dedicación contribúen decisivamente a ofrecer un mellor servizo aos cidadáns, dotándoos tamén de maior seguridade.

Á entrega tamén asistiron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva e o xerente da Axega, Marcos Araújo.

Anuncios