A Asociación Cultural A Camoesa súmase á celebración do Día Mundial contra o Cancro

A Asociación Cultural a Camoesa de Nigrán quere unirse neste 2019 á celebración do Día Mundial contra o Cancro, que ten lugar este luns 4 de febreiro. Por este motivo, o Centro Cultural de Camos, loce un gran lazo rosa, que simboliza esta enfermidade, na súa fachada. Deste xeito, súmase ás iniciativas que dende a Asociación Española Contra o Cancro están a desenvolver tanto para impulsar que as persoas con cancro e as súas familias reciban atención psicolóxica de calidade durante todas as fases da enfermidade, como para concienciar á sociedade sobre o impacto emocional que deriva dun diagnóstico de cancro.

O Día Mundial Contra o Cancro foi establecido no ano 2000 pola Organización Mundial da Saúde, o Centro de Investigación sobre o Cancro e a Unión Internacional contra o Cancro para fomentar e fortalecer todas as medidas destinadas á redución da presenza do cancro no mundo. Segundo estes organismos o cancro non é soamente un problema de saúde, xa que ten altas implicacións sociais, económicas e de desenvolvemento. Por ese motivo este ano, como novidade, lánzase a campaña mundial trianual “I am and I will” que se estenderá entre o 2019 e o 2021 para conseguir un maior impacto e concienciación social.