Carmen desapareceu sen deixar rastro. Era o día do seu 17 aniversario e coincidía toda a familia por fin. Saíu pola tarde e xa non volveu, ninguén a viu saír nin ninguén sabe onde está. Susana, súa nai, chamou á policía esa mesma noite, pero non a toman en serio… Así comeza “Sucedáneo”, a composición que Teatro do Ar presenta este domingo en Gondomar para pechar a IV Mostra de teatro afeccionado do Val Miñor e Oia que organiza o Instituto de Estudos Miñoráns.
O desenlace da desaparición de Carmen coñecerase ás 18:00 horas e con entrada gratuíta. Ademais, Teatro do Ar avisa de que todo o Auditorio Lois Tobío formará parte da obra porque os actores usarán como escenario toda a sala.
“Sucedáneo” é a composición do xornalista de Nigrán, Pedro Rodríguez Villar, coa que se somerxe nunha familia aparentemente normal durante a desaparición dunha das súas fillas. “Interésame reflectir a desesperación de non saber nada, quero que todos queiramos saber onde está Carmen”, explica.
A obra estréase en Gondomar, pero nos próximos meses percorrerá escenarios por toda Galicia. A Coruña e Ferrol son as próximas paradas dun grupo inmerso en distintos eventos de teatro que se organizan por toda a comunidade.
Con “Sucedáneo”, o Instituto de Estudos Miñoráns pecha a IV Mostra de teatro afeccionado do Val Miñor e Oia, despois de catro fins de semana repletos que fixeron de Gondomar a capital do teatro da zona. Os resultados son positivos e dende a agrupación xa agardan anunciar novas actividades para seguir expandindo o teatro entre a veciñanza.

