O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural –a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader)– coas axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020. O orzamento previsto é de 15,9 millóns de euros distribuídos en dúas anualidades de 7,99 millóns cada unha. Os gobernos locais terán un mes a partir de mañá para presentar a súas solicitudes.
O obxectivo destas achegas é facilitar a ampliación, a mellora ou o mantemento dos camiños municipais, incluíndo actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Quedan excluídas, en cambio, as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.
O importe mínimo para cada unha das actuacións (calculado sobre a base do orzamento de execución material máis os gastos xerais e beneficio industrial) deberá ser igual ou superior a 6.000 euros. O prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2019 será o 16 de setembro deste mesmo ano. Para a anualidade 2020, o prazo límite será o 1 de xuño dese ano.
Respecto ao reparto de fondos, Agader acordou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) os criterios de distribución cunha base fixa de 15.000 euros por concello, en función de conceptos como o número de habitantes, a superficie, o peso do agro así como o grao de envellecemento ou despoboamento de cada localidade. Ademais contémplase un incremento do 50% para aqueles concellos fusionados.
De acordo con estes criterios, o reparto provincial queda como segue:
|
PROVINCIA
|
ASIGNACIÓN
|
|
A Coruña
|
4.979.635 € |
|
LUGO
|
4.126.647 € |
|
OURENSE
|
3.684.588 € |
|
PONTEVEDRA
|
3.207.817 € |
| TOTAL GALICIA |
15.998.687 €
|

