Últimos días para inscribirse no Certame Mellor Canción Galega de Baiona

Mañá día 30 de xaneiro remata o prazo de presentación de solicitudes para participar no primeiro Certame Mellor Canción Galega «Os Bardos» que organiza a Concellería de Cultura do Concello de Baiona, dirixida por María Iglesias Fernández, co obxectivo primordial de impulsar e recoñecer a creación, a diversidade e a calidade da música feita por galegos en lingua galega.

Este certame está a xerar un grande interese, xa que numerosos grupos, solistas e dúos galegos contactaron co concello para interesarse, e realizar a súa inscrición. Trátase dun certame de cancións inéditas en lingua galega, onde se seleccionarán 10 finalistas, os cales participarán nunha Gala que terá lugar no Auditorio V Centenario de Baiona, en datas próximas ao Día das Letras Galegas deste ano, e onde os seleccionados optarán ao premio “A Mellor Canción Galega”, dotado de 600€. Ademais o gañador terá a oportunidade de actuar na programación cultural do Baiverán 2019. O segundo finalista recibirá 400€ e o terceiro 250€.

Todas aquelas persoas que poidan estar interesadas poden realizar a inscrición ata mañá mércores 30 de xaneiro de 2019, ata as 14:00 horas, de xeito presencial na oficina de Rexistro do concello, ou ata o final do día na Sede Electrónica. Dende a Concellería de Cultura do Concello de Baiona animan a aqueles solistas, dúos ou grupos que interpreten cancións en lingua galega inéditas, a que se presenten a esta primeira edición do Certame, que esperan se consolide nun futuro próximo.

As bases do Certame poden consultarse na páxina web do concello: www.baiona.org. Máis información na Concellería de Cultura do Concello de Baiona, no teléfono 986385921, ou cultura@baiona.org

Anuncios