Empresarios e emprendedores reciben en Porto do Molle os seus diplomas de expertos en comunicación dixital

Desenvolver unha estratexia de comunicación comercial e un plan de márketing online, conseguir posicionar a marca e a empresa en redes sociais e optimizar as comunicacións entre os membros dun equipo de traballo foi o contido dun curso impartido pola Fundación Incyde realizado durante o último trimestre nas sedes dos viveiros que xestiona Zona Franca na Granxa e en Porto do Molle ao que asistiron máis de medio centenar de emprendedores e empresarios. Esta mañá, a alcaldesa do Porriño, o alcalde de Nigrán, o delegado de Zona Franca e a directora de proxectos FEDER do Incyde, repartiron os correspondentes diplomas acreditativos e asistiron á presentación de dous plans de empresa desenvoltos como traballo final destes cursos que, polo seu interese, estiveron subvencionados con fondos FEDER.

Como puxo de manifesto a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, este proxecto “permite abrir camiños a persoas que comezan ou reaxustan a súa vida laboral”, aspecto sobre o que insistiu a directora dos proxectos FEDER no Incyde, Natalia Vázquez, quen explicou que esa fundación das Cámara de Comercio ten precisamente por obxecto o “crecemento intelixente”. A responsable de Incyde resumiu a colaboración que leva a cabo coa Zona Franca na posta en marcha de viveiros de empresa que se integran dentro dunha rede española que xa conta con 143 instalacións e outras 11 incubadoras de alta tecnoloxía da que destacou a que, pilotada por Zona Franca, vai poñer en marcha en Vigo, a “High Tech Auto”.

Pola súa banda, o delegado de Zona Franca, David Regades, felicitou aos novos titulados por ser persoas que demostraron o seu interese en optimizar e especializarse en competencias no campo do márketing dixital e no aproveitamento efectivo das redes sociais, formación que lles vai a permitir incrementar a súa calidade profesional e mellorar a súa empregabilidade. “Quero transmitirvos que podedes contar con Zona Franca para acompañarvos no voso desenvolvemento profesional e que en calquera dos tres viveiros que xestionamos ou nos espazos de coworking traballamos para que o voso talento frutifique e se enraíce na área de Vigo” dixo o delegado. Para pechar o acto, o alcalde de Nigrán, Juan González, agradeceu a asistencia e abriu as portas do concello para acoller novas iniciativas empresariais.

Anuncios