Baiona adquire nova maquinaria deportiva cunha axuda de 24.000 €

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias lembrou hoxe, no marco dunha visita a Baiona, que segue aberta a convocatoria de axudas para mellorar as infraestruturas dos concellos galegos.

Precisamente, a directora xeral de Administración Local, acompañada do delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves e do alcalde de Baiona, Ángel Rodal, visitaron hoxe o pavillón municipal de Baiona, que contou cunha axuda de 24.000 euros da Orde de Infraestruturas de uso público, grazas á cal foi adquirida nova maquinaria deportiva.

A Orde de infraestruturas de uso público conta para este ano cun orzamento de 3 millóns de euros, un 30 por cento máis que no exercicio anterior. A convocatoria publicouse o pasado 31 de decembro no Diario Oficial de Galicia, xunto coa liña de axudas do Fondo de Compensación Ambiental, dirixida tamén a entidades locais e dotada con 11 millóns de euros.

A convocatoria de axudas para infraestruturas municipais subvenciona, entre outras actuacións, a instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública; pavimentación de camiños públicos municipais; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de parques públicos e parques infantís; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos municipais e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias; e construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

Anuncios