A Asociación Cultural Centáurea convoca o III Certame de Coplas de Entroido en Gondomar

A Asociación Cultural Centáurea convoca o III Certame de Coplas de Entroido en Gondomar. Con esta convocatoria pretende pular o contido e a continuidade desta tradición, festa ritual de enchentes, esmorgas, máscaras e crítica social, que ridiculiza todo o considerado serio o resto do ano, tentando dun xeito lúdico e humorístico botar fóra as frustracións cotiáns.

Este certame de coplas, aberto á participación de toda a veciñanza, terá lugar o domingo 24 de febreiro (Domingo Corredoiro) ás doce do mediodía, na Alameda (Praza de Manuel Alonso) de Gondomar. As bases para acceder ao certame están publicadas no Facebook da A.C. Centáurea (a.c.centaurea), e as solicitudes de inscrición han ser presentadas antes do 20 de Febreiro de 2019.

O tema das coplas é libre e as letras terán que ser integramente en idioma galego. O xurado valorará o enxeño, o humor e o sentido crítico das letras, consubstanciais co espírito do Entroido; a posta en escena e a composición e acompañamento musical das coplas. O grupo gañador recibirá, ademais dun agasallo e o diploma acreditativo, as risas e o recoñecemento de todas as persoas presentes nesta celebración.

Anuncios