Sin categoría

Inscricións abertas para a IV Carreira Nocturna Nigrán H2K Plaza

Qualité Sport e o Concello de Nigrán, en colaboración con seguros H2K e o centro Plaza Fitness, organizan o próximo 30 de marzo a cuarta edición da Carreira Nocturna Nigrán H2K Plaza.

O evento comezará ás 19:00 horas coas categorías inferiores, desde pitufos ata cadete, que deberán completar unha distancia desde os 100 ata os 1.200 metros dependendo de cada franxa de idade. A proba reina, con saída ás 20:00 horas, constará de dúas voltas a un percorrido de 5.000 metros aproximadamente, 100% en asfalto, con saída e chegada no aparcadoiro do Campo das Redes, no paseo marítimo e en plena Praia América. O percorrido estará iluminado na totalidade do traxecto e poderase escoller distancia de 5.000 a 10.000 metros.

A entrega de dorsais e chips farase o venres 29 de 17:00 a 20:00 horas no ximnasio Plaza Fitness de Nigrán e o sábado 30 de 10:30 a 13:00 horas no mesmo lugar. Ademais, a partir das 17:00 horas na zona de saída/chegada.

Establécese un máximo de 400 participantes, repartidos nas categorías Absoluta, Sénior e Veteranos, e o prezo de cada inscrición será de 7 euros desde o 14 de xaneiro ao 14 de febreiro e de 9 euros desde o 15 de febreiro ao 27 de marzo para a proba de 10 km, e de 5 euros desde o 14 de xaneiro ao 14 de febreiro e de 7 euros desde o 15 de febreiro ao 27 de marzo para a proba de 5 km. En caso de non ser propietario de chip haberá que abonar 1 euro extra.

As inscricións poderán efectuarse na web de championchipnorte, así como no ximnasio Plaza Fitness de Nigrán (Praza Rosalía de Castro 9-11).

Os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán premio, do mesmo xeito que os tres primeiros clasificados empadroados en Nigrán. Tamén se entregará un obsequio á persoa con maior idade, tanto masculina como feminina. Na carreira de 5 km entregarase premio aos tres primeiros e absolutos masculinos e femininos.

As inscricións das categorías inferiores serán gratuítas e todos os nenos e nenas recibirán unha medalla por finalizar a proba.