Sin categoría

Samuel Blanco e o Vigo-Rías Baixas volven unir os seus camiños

O protagonista do maior éxito deportivo na historia do Vigo-Rías Baixas está de volta na estrutura presidida por José Luis Chamorro. Samuel Blanco volverá vestir esta tempada a camisola do conxunto co que gañou a Volta a Galicia 2016. O ciclista redondelán, con experiencia no campo profesional, convértese na fichaxe estrela da entidade olívica para o seu novo proxecto.

Aos seus 24 anos, Blanco decidiu regresar á formación na que viviu o mellor ano da súa carreira. Ademais de adxudicarse a clasificación xeral da Volta a Galicia, en 2016 tamén se impuxo no campionato autonómico de fondo na estrada e colgouse a medalla de prata no galego de contrarreloxo. Eses excelentes resultados abríronlle as portas do profesionalismo.

Coa formación portuguesa LA Aluminios-Metalusa Blackjack cumpriu en 2017 o seu soño de correr ao máximo nivel. Xunto aos mellores ciclistas do mundo disputou carreiras como a Volta ao Algarve, Volta a Castela e Léon e Volta a Asturias. Con todo, unha fractura de clavícula sufrida na Volta ao Alentejo non lle permitiu ofrecer a súa mellor versión durante esa campaña.

O ciclista de Redondela recualificouse como amateur o pasado ano nas filas do Aluminios Cortizo. Gañador da clasificación da Montaña na Volta a Galicia, fixo unha paréntese no mes de agosto para volver competir a nivel profesional e co conxunto luso do Liberty Seguros participou na Volta a Portugal.

O Vigo-Rías Baixas dá un salto de calidade ao seu persoal con esta incorporación, a oitava que anuncia nas últimas semanas. Blanco será unha das referencias do equipo, entre outras citas, na Copa de España, o certame máis prestixioso do calendario estatal e que está reservado para corredores en idade Sub25.