Chaín leva o segundo premio de abandeirados no II Concurso de Rondallas

A Rondalla do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos gañou este domingo o II Concurso de Rondallas, organizado pola Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo, co patrocinio da Xunta de Galicia. Na primeira edición, celebrada en 2018, resultou segunda, levándose tamén o segundo premio de abandeirados.

A agrupación, unha das que espertou maiores ovacións na tarde, recibiu o premio de mans do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e representantes dos municipios aos que pertencían as rondallas participantes, entre eles os alcaldes de Gondomar e Nigrán, Paco Ferreira e Juan González.

Esta rondalla mosense tamén ten no seu haber o premio á instrumentalización musical galega no Concurso de Rondallas do Porriño nos anos 2006 e 2007, así como o segundo premio neste mesmo certame no 2008 e 2010. No Concurso de Rondallas da Deputación de Pontevedra celebrado no IFEVI finalizou en segunda posición nos anos 2010, 2012 (xaneiro) e 2015 e en terceira posición en 2012 (decembro).

O segundo premio levoullo a Rondalla do Centro Cultural Helios de Bembrive, outra das máis laureadas, xa que conta cun gran número de galardóns obtidos ao longo da súa historia en diferentes competicións e mesmo foi convidada o Certame do “Festival Internacional de Ortigueira”. En terceira posición quedou a Rondalla Santa Eulalia de Atios, que tamén gañou o primeiro premio de abandeirados.

En segunda posición, situáronse os abandeirados da Rondalla do Centro Cultural “A Merced” de Chaín, e o terceiro posto foi para a Rondalla do Centro Social, Cultural e Recreativo de Beade.

O II Concurso de Rondallas contou coa participación de 14 agrupacións, que sumaban máis de 1.150 compoñentes. Rondalla do Centro Cultural de Vincios (Gondomar), Rondalla do Centro Veciñal de Parada (Nigrán), Rondalla da Nosa Merced de Chaín (Gondomar), Rondalla do C.S.C.R. de Beade (Vigo), Rondalla do C.C.V. de Zamáns (Vigo), Rondalla do C.C. de Torroso (Mos), Rondalla da Sociedade Cultural Pontellas (Porriño), Rondalla do C.C. Helios de Bembrive (Vigo), Rondalla C.C.A.R. de Valladares (Vigo), Rondalla C.C. de Atios (Porriño), Rondalla do Círculo Cultural Sta. Eulalia de Mos (Mos), Rondalla do Centro Cultural Herville (Mos) e Rondalla Peña de Freixo (Vigo).

Os máis de 6.000 asistentes que abarrotaron o IFEVI chegados de distintos municipios da provincia gozaron das coreografías e o repertorio que ofreceron as rondallas durante os 12 minutos dos que dispoñen para a súa actuación. Puidéronse escoitar versións de temas tradicionais e grandes éxitos de onte e hoxe, o “Échame la culpa”, “Lo malo”, “Livin’ on a prayer”, “I want to break free”, “I say a little prayer”, “Bohemian rhapsody”, “Adeste fideles”, “Himno de la alregía”, o máis coñecido de Raffaella Carrá ou Boney M, ademais de imprescindibles bandas sonoras, como “La Misión”, “Amelie” ou “Aladdín”.

Os recanteiros de Luar Antonio Barros e Ialma, de Mos e O Porriño respectivamente, amenizaron a xornada como artistas convidados durante a deliberación do xurado, arrancando os aplausos dun público que aguantou, entre aclamacións e ovacións, máis de tres horas de concurso.

O xurado de abandeirados estivo formado por un membro de cada rondalla, mentres que o xurado profesional compoñíano Roberto Giráldez, presidente da Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo, Ernesto Campos, músico, escritor e compositor; Marcos Campos, mestre de gaita, director das bandas de gaitas Xarabal de Vigo e Manxadoira de Bueu ; Paula Sotelino, directora da agrupación folclórica Lembranzas Galegas; e Lucas Alonso, director do conservatorio de música Mayeusis e da Coral Polifónica Agarimo.

Un ano máis de Concurso de Rondallas

Tras a cancelación do Certame de Rondallas por parte do Concello de Vigo, a Xunta de Galicia garantiu o seu apoio estratéxico e plurianual para a celebración do Concurso de Rondallas no Recinto Feiral de Vigo, que organiza a Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará con 90.000 euros ata o ano 2020 a celebración deste evento e, por tanto, a súa continuidade no tempo, recuperando ademais o formato de concurso, eliminado cando o Concello de Vigo fíxose cargo da organización no 2016 tras 34 anos en mans da Deputación de Pontevedra.

 

Anuncios