Cobos regresa en propiedade ao Vigo-Rías Baixas

Campeonatos de España de Ciclismo en Carretera 2018

O Vigo-Rías Baixas e Carlos Cobos volven unir os seus camiños. Tras disputar a última edición da Volta a Galicia en calidade de cedido coa estrutura presidida por José Luis Chamorro, o corredor estremeño será un dos líderes do conxunto olívico na nova tempada. Con experiencia no campo profesional, este combativo escalador logrou o ano pasado a medalla de bronce no Campionato de España en liña Elite.

A segunda praza na Aiztondo Klasikoa 2018, proba puntuable para a Copa de España, ou a vitoria de etapa asinada na Volta a Alacante 2017 abríronlle as portas do profesionalismo hai uns meses. Cobos abandonou as filas do Caja Rural amateur para disputar a Volta a Portugal co Liberty Seguros – Carglass. Completou a ‘Grandíssima’ lusa no posto 50º e como 11º clasificado na xeral dos mozos.

Despois da súa experiencia no país veciño, o ciclista da localidade pacense de Azuaga aceptou a proposta do Rías Baixas para defender as súas cores na Volta a Galicia e o seu traballo en favor dos seus compañeiros resultou clave para que o equipo flúor obtivese dous triunfos de etapa.

Agora, con 23 anos, encara a tempada 2019 «sen marcarme obxectivos a curto prazo, pero si que me gustaría facelo ben en algunha boa importante», sinala Cobos, que esta campaña espera «gozar máis da bici e non centrarme tanto na meta de ser profesional. O ano pasado envorqueime demasiado niso e leveime unha decepción de última hora».

A fichaxe deste graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte convértese o sétimo da entidade con sede en Vigo para o seu novo proxecto. Outra incorporación, anunciada nos últimos días na páxina web do club, é a de Modesto Pérez para o seu staff técnico. O porriñés súmase a un organigrama no que Gorka Beloki exerce de mánager e Iván Rodríguez continuará por segunda tempada como director deportivo.