Máis de 1000 rondalleiros enchen de cor e música as rúas de Gondomar

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Rondalla de Santiaguiño de Guizán.

Gondomar pechou este domingo a súa programación cultural de Nadal coa celebración do tradicional Encontro de Rondallas de Reis, que cumpre xa a súa trixésimo sétima edición. Contou coa participación de 14 Rondallas, 12 delas abandeiradas, cinco procedentes de Vigo, tres de Mos, outras dúas procedentes de Centros Culturais de Gondomar, dous do Porriño, unha de Nigrán e outra de Tui.

Así, durante seis horas, por primeira vez divididas en dúas quendas, unha de mañá e outra pola tarde, as Rondallas de Santa Eulalia de Atios, Pontellas, Santiaguiño de Guizán, Galiñeiro de Vincios, A Merced de Chaín, Helios de Bembrive, Santa Eulalia de Mos, Herville, Freixo, Santiago de Parada, Beade, Valladares, O Mosteiro de Pesegueiro e San Mamede de Zamáns, encheron de cor e música as rúas da vila condal.

Unha a unha fóronse formando na Avda. Eduardo Iglesias para posteriormente desfilar ata o Concello, onde despois de saudar ao alcalde, Francisco Ferreira, e as concelleiras Nuria Lameiro e Iria Lamas, e recibir un detalle conmemorativo, ofreceron ao público asistente a súa actuación. Despois, e antes do pasarrúas final pola Avda. Elduayen, tiña lugar o vistoso encontro entre Rondallas e o cruzamento de bandeiras, co que cada agrupación cede a testemuña á seguinte.

No repertorio puidéronse escoitar desde temas tradicionais, rumbas ou pasodobres, ata versións de éxitos recentes como “Lo Malo” ou “Échame la Culpa”, ou clásicos de Queen ou Bon Jovi, popurrís de Raffaella Carrá ou Boney M, sen esquecer as tradicionais panxoliñas ou as bandas sonoras de películas, como “La Misión”, “Aladdín”, “Zorba el Griego” ou “Amélie”.

Entre as 14 agrupacións participantes neste XXXVII Certame de Rondallas, que leva celebrándose desde fai case un século, sumaban máis de 1000 compoñentes. Cada unha recibiu ademais unha axuda de 950 euros pola súa asistencia.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.