Gondomar dá a benvida a Melchor, Gaspar e Baltasar

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Cabalgata de Reis.

Gondomar recibiu este sábado ás súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. A Gran Cabalgata partiu de Vincios para logo percorrer as principais rúas do centro urbano. En tres carrozas motorizadas, escoltados pola Policía Local e acompañados de paxes reais, bailaríns, moita música e moita luz, Melchor, Gaspar e Baltasar iniciaron un longo percorrido lanzando 1.000 quilos de caramelos ao público desde a rotonda de entrada á Vila Condal (por Tui e Tomiño).

A Comitiva Real, que este ano contou coa participación das Rondallas de Chaín e Vincios, as tres asociacións de danza do municipio –Danza Paradela, Asociación de Danza de Gondomar e LDanzia-, a Treboada de Donas, e moitos veciños e veciñas das parroquias, desfilou pola Avda. de D. Diego Sarmiento de Acuña (pasando por diante da estación de autobuses) para posteriormente percorrer a Avda. Eldyuayen e Rúa Eduardo Iglesias. Así chegaron ata a Praza da Alameda, onde unha vez acomodados nos seus tres tronos, recibiron aos nenos e nenas, que puideron transmitirlle en persoa as súas peticións para esta noite.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.