Abertas as inscricións para a VII BTT e IV Andaina Chourizada de Oia

FOTO: CICLISMO OIENSE // BTT Chourizada Oia.

Ciclismo Oiense abre as inscricións para a BTT e Andaina Chourizada de Oia, que se celebrará o próximo 27 de xaneiro. A saída da BTT darase ás 9:30 horas desde a contorna do Mosteiro cisterciense para percorrer os 33 km habituais de dificultade media. O 8 km primeiros semicháns e neutralizados por parte do Camiño Portugués da Costa para ir penetrándose na Ruta Máxica de Oia pola Cabeciña, Pozas de Mougás, Sobreiras do Faro ata chegar aos petróglifos da Pousadela, onde terá lugar o avituallamento sólido e líquido. Continúase cara á Pedreira, pista Molina, e Capela de San Sebastián para finalizar na Casa da Cultura de Oia para celebrar a chourizada.

Tamén haberá para os que queiran maior esixencia física, 4 tramos voluntarios de máis de 5 km e dificultade alta:
– Na Cabeciña (km 10), subida con ramplas próximas ao 20%, ao Curro de Mougás e baixada cara As Pozas.
– En As Sobreiras (km 20), subida polo zig-zag de Viladesuso e baixada cara á Ruta Máxica de Oia.
– Na Pousadela (km 25), baixada por O Morouzo e subida cara á Pedreira.
– No miradoiro de Oia (km 30), baixada pola Bullariza e subida polas revoltas da Guieira.

Organízase paralelamente a IV Andaina (ruta de sendeirismo) para os acompañantes dos participantes da BTT e afeccionados en xeral, de 12 km de percorrido e dificultade media. Transcorre este ano nun percorrido inédito, por Arrabalde, Capela San Sebastián, Camiño Portugués da Costa, Pista Molina e Chavella para finalizar na Casa da Cultura para a chourizada, animada como é tradicional por un grupo de gaitas.

As inscricións ábrense ata o 24 de xaneiro, para os ciclistas en Championchipnorte, cun custo de 10 €. Para a Andaina no WhatsApp 666 609 410 ou ciclismooiense@gmail.com cun custo de 8 €. Coa inscrición tense dereito á asistencia médica e mecánica, duchas e lavado de bicis, avituallamento sólido e líquido, 1 rifa para o sorteo de agasallos e o famoso bocadillo de chourizo asado e bebida ao finalizar, entre outras prestacións. Para rematar tamén haberá un cocido, cun prezo de 15 €, para os participantes que o desexen.

Colabora a Deputación de Pontevedra, o Concello de Oia e diversas firmas comerciais. Máis información en www.ciclismooiense.com ou no WhatsApp 666 609 410.

Anuncios