A Gran Cabalgata de Reis de Baiona terá como temática o mundo mariño

Este sábado 5 de xaneiro está previsto que as súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visiten Baiona subidos nas súas maxestuosas carrozas e desfilando na Gran Cabalgata que organiza o Concello.

Ás 17:00 horas as tres carrozas sairán desde a rotonda da urbanización Ponte Romano percorrendo as principais rúas da parroquia de Santa Cristina, pasando por Julián Valverde, Porta do Sol e Avda. Urbana de Sabarís ata chegar á praia de Santa Marta.

Ás 18:00 horas partirá a Gran Cabalgata desde Santa Marta e percorrerá as principais rúas da vila, pasando pola Avda. Monterreal, Alférez Barreiro, Elduayen, Carabela Pinta, Glorieta de Colón e Marqués de Quintanar ata a rúa Carabela Pinta onde os Reis serán recibidos polo alcalde de Baiona.

A comitiva principal estará composta por uns 7 módulos, encabezada pola Rondalla de Freixo de Valladares con 75 compoñentes, séguelle a Rondalla de Beade con máis de 70 participantes, continúa a carroza do Club de Fútbol Sala de Baíña con 50 membros, e a carroza do Erizana Fútbol Club de Baiona con 30 compoñentes.

En canto a animación infantil, este ano o Concello de Baiona conta co grupo de animación Barafunda, cun total de 6 pompeiras que lanzarán ao aire unha infinidade de pompas que farán as delicias dos máis pequenos. O grupo de animación portuguesa WEE con 5 Emojis xigantes, e tamén contan con Pablo Méndez, que vén cun bloque de animación con temática mariña a xogo coas carrozas dos Reis. Abrindo a Comitiva Real irá un séquito de figuras en movemento e personaxes característicos do fondo do mar que encherán de fantasía e ilusión aos máis pequenos da casa.

O Concello de Baiona repartirá en total un 2.000 kg de caramelos aptos para celíacos nos máis de 2 quilómetros de percorrido da Cabalgata e as súas Maxestades os Reis entregarán un agasallo a cada neno que se achegue a saudalo.

Anuncios