Anuncios
Ticker de novas

Hernández e Bayán, dobre reforzo para o Vigo-Rías Baixas

O estremeño Víctor Hernández e o madrileño Alejandro Martínez Bayán seguirán compartindo equipo en 2019. Estes dous corredores que a pasada campaña vestiron a camisola do Escribano Sports Team comprometéronse co Vigo-Rías Baixas. Con esta dobre incorporación a entidade que preside José Luis Chamorro desvela a identidade da súa quinta e da súa sexta fichaxe para o novo curso.

Campión de Estremadura en 2017, Hernández quere volver brillar tras unha aciaga última campaña. As caídas non lle permitiron continuar coa progresión que lle levaba a tempada anterior a terminar sétimo na Volta Ávila e oitavo na Volta Segovia.

O ciclista de Plasencia, de 21 anos, desexa facer borrón e conta nova. Os seus principais obxectivos co seu novo equipo serán “a Copa de España e as voltas importantes para Sub23”, carreiras do máximo prestixio nas que tentará “axudar a conseguir o maior número de triunfos” e facer méritos para “tentar dar o salto a profesionais”.

O cambio de escuadra tamén aspira a que sexa un punto de inflexión Bayán. Aos seus 19 anos, o de San Sebastián de los Reyes afronta o seu segundo ano como sub23 despois dunha primeira tempada de aclimatación ao campo amateur.

Este corredor todoterreo asegura que prefire “as voltas ás carreiras dun día. A miña especialidade son as subidas, canto máis longas mellor, e atópome cómodo nas contrarreloxos”. Antes de militar no Escribano pertenceu ao Sanse Rotor, un dos mellores clubs de canteira do panorama español.

Os reforzos de Hernández e Bayán son os primeiros de ciclistas con contrato ata o pasado 31 de decembro con outros equipos Elite e Sub23 que anuncia o conxunto olívico. Anteriormente, o Vigo-Rías Baixas informara da chegada á súa estrutura dos júniors Gabriel Ochando, David Domínguez e Alejandro de Rozas, así como de Miguel González, que se atopaba sen equipo.

Anuncios