Adrián Valverde cedeu a coroa e levou a prata no Campionato de Galicia

FOTO: LUZ IGLESIAS // Adrián Valverde no Campionato de Galicia de ciclocrós.

O título autonómico Elite escapóuselle a Adrián Valverde no penúltimo día do ano. O baionés do Club Ciclista Rías Baixas non puido revalidar a coroa no Campionato de Galicia de ciclocrós e tívose que conformar coa segunda praza en Pontevedra.

Saúl López (Maceda) bateu no circuíto de Campañó ao indiscutible dominador da Copa Galicia. O representante da entidade presidida por José Luis Chamorro chegaba avalado polos seus 14 triunfos en 16 probas disputadas do certame autonómico. Con todo, non puido poñer a guinda ao seu excepcional 2018.

Valverde cruzou a liña de meta a 54 segundos de López. O podio da categoría Elite o completou Martín Lestido (Supermercados Froiz). O de Baiona ocupou a quinta posición na clasificación absoluta.

O outro corredor do Club Ciclista Rías Baixas que participou nesta cita foi Adolfo Martínez, que finalizou 14º na carreira Máster-30.