Chévere presenta en Gondomar a obra “Eroski Paraíso”

Este venres 28 de decembro continúa a programación Cultura de Nadal organizada polo Concello de Gondomar cunha sesión de teatro. Chévere presentará a obra “Eroski Paraíso”, protagonizada por Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Cristina Iglesias, Fidel Vázquez e Ricardo Lacámara, ás 20:00 horas no Auditorio Lois Tobío. O prezo da entrada será de 3,50 € e o despacho de billetes abrirá unha hora antes do inicio e pechará durante o espectáculo.

Como outras pezas da compañía, “Eroski Paraíso” é o resultado dun proceso de procura de varios meses que logo se concreta no local de ensaio. Nesta ocasión fíxose un traballo de documentación previo sobre a sala de festas Paraíso, que funcionou en Muros entre 1972 e 1990. Alí coñecéronse Eva Martínez e Antonio Formoso en 1989, como tantas outras parellas da zona. Ela tiña 19 anos, el 25. Casaron ao quedar ela embarazada e a súa filla Alexandra (Álex) naceu ao ano seguinte, xusto cando pechou a Paraíso. Como tantas outras familias emigraron e andaron a tombos dun lado a outro deixando que a vida decidise por eles.

Vinte cinco anos despois, atopamos a Eva de volta en Muros coidando de seu pai e traballando no supermercado que abriron no mesmo local que ocupaba a sala de festas. Antonio segue en Canarias. Álex acaba de rematar un máster de cine en Barcelona e viaxa a Muros para facer o seu primeiro documental. Unha película sobre os seus pais, sobre a distancia que as súas vidas abriron entre aquel paraíso e este supermercado, un retrato do desarraigo vital de toda unha xeración. “Eroski Paraíso” é o título que lle puxo á súa película. E esta obra é un convite para asistir a unha das sesións de rodaxe.

Anuncios