Baiona acometerá o acondicionamento do Camiño Eidos en Baíña

O Concello de Baiona acometerá varias actuacións na parroquia de Baíña. Unha das primeiras será o acondicionamento do Camiño Eidos, cun investimento de 125.212,08 euros a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A actuación principal que se vai a realizar neste camiño é rehabilitar o firme existente ao mesmo tempo que se mellorarán diferentes tramos de drenaxe. Tamén se prevé levar a cabo o caxeo e pavimentación nos diferentes sobreanchos non pavimentados coa finalidade de ampliar lixeiramente a sección transversal existente.

A isto sumaráselle unha zona de esparexemento situada nunha marxe da vía, na que está prevista a protección das marxes do regato próximo e a mellora nas condicións estéticas da devandita área. Estará dotada de elementos bio-saudables, pavimentada en lastra de pedra, con xardineiras a nivel da rasante, estará delimitada con varandas, e instalaranse bancos, papeleiras e unha fonte para o esparexemento e goce de todos os seus veciños.