
Retirados, tras a denuncia realizada por Nigrán Decide no pleno do mes de xuño de 2018, catro valos publicitarios ilegalmente instalados en Panxón, José Cuevas esixe agora a retirada do valo publicitario ilegal instalado en Prado, en terreos de titularidade municipal, polo que leva preguntando nos plenos desde novembro de 2017.
“Ante as preguntas realizadas sucesivamente polo noso grupo municipal durante catro plenos, entre novembro de 2017 e febreiro de 2018, non lle quedou outro remedio ao goberno municipal que asinar un decreto o 9 de marzo polo que ordenaba iniciar o procedemento de reposición da legalidade urbanística contra a empresa que instalou o valo publicitario en Prado, sen que ordenara a súa retirada”, asegura Cuevas.
“No terreo onde se atopa o valo publicitario instalouse recentemente un parque biosaudable, en cuxo expediente indícase que eses terreos son de titularidade municipal, polo que o goberno non pode alegar ignorancia sobre a propiedade deses terreos; a pesar do cal, no decreto polo que inicia o expediente, tamén acorda ordenar a práctica no rexistro da propiedade da anotación preventiva, o cal resulta, cando menos, sorprendente, pois ninguén se ordena realizar unha anotación preventiva a si mesmo”, engade o portavoz de Nigrán Decide.
“Cómpre destacar que a empresa que instalou este valo ilegal en terreos de titularidade municipal é unha das que realizou a campaña electoral do PSOE de Nigrán nas eleccións municipais de 2015”, sinala Cuevas, para engadir que “o alcalde debe dar explicacións da razón pola que ordenou a práctica dunha anotación preventiva nun terreo de titularidade municipal no rexistro da propiedade, no canto de ordenar a retirada do valo publicitario. Ao realizar estas actuacións, o Alcalde está consentindo que unha empresa se lucre a costa do patrimonio municipal”.