Sin categoría

Adrián Valverde puxo o broche de ouro á Copa e apunta ao Campionato de Galicia

Catorce vitorias na categoría Elite, en dezaseis probas puntuables. A regularidade de Adrián Valverde na Copa Galicia de Ciclocrós rozou a perfección. O baionés do Club Ciclista Rías Baixas puxo o seu broche de ouro ao certame autonómico de 2018 cun triunfo e un segundo posto no díptico ourensán da pasada fin de semana. Unha vez conquistada a camisola de líder do seu primeiro obxectivo da tempada, este domingo espéralle en Pontevedra o reto do Campionato de Galicia.

Co éxito na xeral Elite garantido matematicamente, Valverde aproveitou as dúas últimas xornadas da Copa Galicia para probarse a unha semana vista da gran cita autonómica do ano. O sábado en Maceda terminou segundo na súa categoría, por detrás do local Saúl Lopez (Maceda), e na quinta posición da clasificación absoluta.

Ao día seguinte, o certame galego baixou o pano en Baños de Molgas despois de tres meses de competición. O “One Club Man” do Rías Baixas sumou o seu décimo cuarto triunfo do curso en Elite e mantivo un intenso duelo co sub23 Pablo Álvarez (Cambre) pola terceira praza absoluta, un pulso que se decantou ao lado do coruñés por 24 segundos de marxe.

Tras dezaseis carreiras disputadas, o corredor de Baiona concluíu con 1.410 puntos acumulados, superando en máis de 450 ao segundo clasificado en Elite Jorge Punzón (Prebetong) e ocupando a terceira praza da táboa absoluta, por detrás dos sub23 Samuel González (Guerciotti) e Iván Feijoo (Maceda).

O 2018 péchase para os especialistas desta modalidade co Campionato de Galicia deste domingo día 30 en Pontevedra. A Valverde tócalle defender a coroa Elite lograda hai un ano no circuíto santiagués de San Lázaro.