Fernando e Rosa abren as portas da súa casa para mostrar o seu Belén de 40 metros cadrados

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // O Belén ocupa máis de 40 metros cadrados do salón de Fernando e Rosa.

Fernando e Rosa instalaron un ano máis na súa casa situada no número 17 da Rúa Gobernador, na parroquia nigranesa de San Pedro da Ramallosa, o seu tradicional Belén. Nas noites do mes de novembro, durante un par de horas cada día, con mimo e agarimo preparan a base da gran maqueta do Nacemento de Xesús e colocan peza a peza, ocupando un espazo de máis de 40 metros cadrados do seu salón. Cada Nadal, son centos de curiosos os que se achegan para contemplar a gran cantidade de elementos que incorporan todos os anos.

“Sempre me gustou, desde pequena, pero non se podía”, sinala Rosa. “Empecei pouquiño a pouco, cun pequeno, sobre un metálico de cama de 90”. Rosa pintaba as figuras en clases de manualidades e o seu amigo belenista Fernando Fernández Penedo, que elabora os que se poden visitar no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, no Mercado de Teis e no Centro Cultural de Valladares, animouna a facelo máis grande. A partir de aí, coa axuda do seu marido, comezaron a tradición deste Belén de grandes dimensións que foi aumentando o seu tamaño ata chegar ao actual.

A gran maqueta inclúe un incalculable número de figuras e pequenos detalles, ademais de auga e peces de verdade, luz, movemento e elementos de pedra, como un cruceiro, pontes, un castelo, fontes… Non falta o pesebre, os Reis Magos, mercadores, artesáns, muíños de vento, pirámides, e infinidade de animais, camelos, patos, vacas, cabalos, ovellas, cans, galiñas…

O Belén converteuse nun atractivo máis dos que ofrece o Nadal en Nigrán e no Val Miñor, xa que cada ano Rosa e Fernando abren as portas da súa casa a todos os veciños e veciñas da comarca para que o visiten. As mellores horas para contemplalo, ata as 16:00 horas ou entre as 19:00 e as 21:00 horas, incluídos os fins de semana. “Eu se estou na casa, a calquera que veña ensínollo”, conclúe Rosa.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios