Sin categoría

O Pleno de Nigrán aproba bonificar nun 95% o IBI de seis entidades socio-culturais

O Concello de Nigrán bonificará nun 95% o IBI de seis entidades socio-culturais do municipio ao aprobarse no pleno ordinario de onte unha moción do goberno para consideralas de interese ou utilidade municipal (todos os grupos votaron a favor, agás PP e BNG, que se abstiveron). Esta declaración, que deben solicitar anualmente as propias entidades e que debe someterse á votación do Pleno, permite que o imposto sexa rebaixado no vindeiro exercicio un 95% (máximo permitido por lei).

A declaración beneficiará ao “CRC O Torreiro de Priegue”, a “Asociación Cultural As Angustias”, o “Centro Cultural y Deportivo Bolos da Carrasca”, a “A.V.A.C A Unión de San Pedro da Ramallosa”, “Asociación de Veciños A Camoesa” e «AVCD O Castro» de Chandebrito, todos eles colectivos que, doutro xeito, pagarían o 100 %.

“Supón un aforro para eles de preto de 1.300 euros ao ano, unha cantidade moi cuantiosa se temos en conta que levan adiante un traballo fundamental de promoción da cultura e das relacións veciñais”, subliña o alcalde, Juan González, quen recalca que a contribución pública destas entidades á cultura ten sempre unha inequívoca función social, «polo que é de xustiza eximilas do 95% do IBI, máximo que nos permite a lei”.

Tanto a lei de Mecenado (49/2002) coma o Texto Refundido da Lei de Facendas Locais 2/2004 catalogan como exentos de IBI a aqueles inmobles que teñen como uso principal actividades de carácter público. Por elo, o goberno de Nigrán acordou no 2016 a modificación da ordenanza “para favorecer así a todas aquelas asociacións que perseguen o ben común e que axudan a complementar e dinamizar sempre a programación cultural feita dende o consistorio”. Estas circunstancias culturais danse nestes seis colectivos porque o suxeito pasivo está inscrito no rexistro de asociacións do municipio e, ao mesmo tempo, o inmoble en cuestión é de acceso público e está a disposición do Concello e doutros colectivos culturais.