Anuncios
Ticker de novas

Limiar Teatro presenta en Gondomar “O conto de Azuzaina”

FOTO: LIMIAR TEATRO // O conto de Azuzaina.

Este sábado 22 de decembro Limiar Teatro presenta en Gondomar “O conto de Azuzaina”, ás 19:00 horas no Auditorio Lois Tobío. A entrada terá un prezo de 2,50 euros e o despacho de billetes abrirá unha hora antes do inicio e pechará durante o espectáculo.

SINOPSE

Na imprenta da Azuzaina chega un encargo urxente: o libro das familias. Os operarios terán que dar o mellor de si e usar as máis aloucadas estratexias para completar o traballo a tempo. O encargo é crear un libro con fotos de diferentes familias, de diferentes persoas. Ante a necesidade de entregalo na fin da xornada terán que crear a toda velocidade as páxinas do libro. Unha tarefa na que aparecerán preguntas e conflitos: Poden ser dous homes e un neno unha familia? E unha persoa soa? E unha nai e un fillo? Son eles dous familia?

Xogando a ser e refacer as familias do libro descubrirán que a familia vai alén do sangue e eles, despois de tanto tempo xuntos traballando na imprenta, son sen dúbida unha familia.

A música e a ambientación sonora introducen ó espectador nun mundo poético e divertido, con moito xogo e coidado musical. Neste espazo de xogo, a música entra como un xoguete máis, onde se mesturan os sons para crear unha atmosfera divertida.

Mestúranse instrumentos electrónicos como o theremin, con outros de vento como o saxo ou a melódica. outros de pequena percusión como claves ou campás e outros cotiás como tesoiras, culleres. Pero sen dúbida o que ten máis protagonismo é o traballo vocal polifónico. Bases gravadas en estilo doo wap sobre as que tocar en directo co saxo ou co theremín.

Influencian o son do espectáculo grupos de investigación musical como os suecos Detektivtbyiran, que tamén mesturan elementos electrónicos con convencionais, con bases con pequena percusión como tesoiras, acordeón e theremín, e pola alegría da música cíngara como Kusturica ou Fanfarria Ciocarlia, que axuda a esta atmosfera circense de ritmo rápido e picado.

Anuncios