O deputado provincial e alcalde de Nigrán Juan A. González asistiu este mércores á clausura do curso de “Cociña e Alimentación. Hábitos Saudables” que se desenvolveu no Centro Cultural “A Camoesa” no marco do programa “Conectadas 2018” da Deputación de Pontevedra, organizado pola Asociación de Veciños “A Camoesa”, e no que participaron 16 veciños e veciñas da parroquia.
A duración da acción formativa foi de 35 horas, e incluíu un módulo de sensibilización na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes de cinco horas de duración. Os obxectivos do curso son ensinar a preparar receitas de cociña saudables e aprender a cociñar diferentes alimentos para que non perdan as súas propiedades naturais, adquirir coñecemento e habilidades para mellorar o autocoidado e poder xerar estilos de vida saudables e coñecer as normas básicas de hixiene e seguridade alimentaria para cociñar.
O programa «Conectadas 2018» ten por finalidade mellorar a formación básica das mulleres na comunidade para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo e reducir a fenda dixital mediante a utilización da información e as novas tecnoloxías.

