O prometedor catalán David Domínguez recala no Club Ciclista Rías Baixas

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // David Domínguez.

Un dos júniors con mellor palmarés do pelotón español decantouse polo Club Ciclista Rías Baixas para descubrir o próximo ano a categoría Elite e Sub23. A entidade que preside José Luis Chamorro incorpora ás súas filas ao barcelonés David Domínguez, gañador da Copa Catalá e dunha etapa na prestixiosa Volta ao Besaya. Trátase do cuarto reforzo do conxunto olívico para o seu renovado proxecto.

O Aldro Team ía ser o destino deste ciclista de 18 anos nado en Sabadell, pero a desaparición do conxunto cántabro obrigou a Domínguez a reformularse o seu futuro. «Desde a primeira chamada do presidente Chamorro e do mánager deportivo Gorka Beloki decidín que era o equipo máis adecuado para empezar a miña carreira como Sub23. É un proxecto moi interesante, cun calendario moi completo e moita seriedade», sinala o corredor formado no Terrasa Ciclisme Club.

Escalador, con punta de velocidade en grupos reducidos e bos resultado en probas contrarreloxo, este representante da xeración do ano 2000 ratificou no seu segundo ano como júnior a gran impresión que causou no seu debut na categoría cando se impuxo na xeral da Copa Catalá. Durante a última campaña venceu na primeira etapa da Volta ao Besaya e vestiu de líder ata o terceiro día, terminou segundo na xeral do Trofeo Víctor Cabedo e logrou o terceiro posto na Volta a Áraba. A sétima praza obtida na clasificación final da Copa de España dá boa mostra da súa regularidade.

Domínguez convértese no terceiro júnior que aposta polo Club Ciclista Rías Baixas para dar o salto de categoría. Anteriormente o conxunto con sede en Vigo anunciara as fichaxes dos madrileños Gabriel Ochando e Alejandro de Rozas. A outra cara nova desvelada ata o momento é a do vigués Miguel González.

O persoal, o staff técnico e a directiva mantiveron unha primeira toma de contacto a pasada fin de semana na localidade zamorana de Villaralbo. O Hotel Casa Amelia acolleu este encontro para empezar a planificar o curso 2019. A próxima reunión dos integrantes do equipo flúor xa será a tradicional concentración en terras pontevedresas durante o mes de xaneiro, na antesala do inicio da tempada.