“As fochancas do aparcadoiro da Praza de Abastos de Gondomar xa son lagoas”

FOTO: MANIFESTO MIÑOR // Fochancas no aparcadoiro da Praza de Abastos de Gondomar.

Manifesto Miñor denuncia a situación “terceiromundista” do aparcadoiro de terra existente xunto á Praza de Abastos de Gondomar, “con fochancas como lagoas de máis de 30 centímetros de profundidade”. Antonio Araújo acusa o alcalde, Paco Ferreira, de “vender fume” cando anuncia “grandes obras” nesa contorna “sen tan sequera molestarse en tapalos cunha capa de xabre”.

“Unha vez máis o alcalde de Gondomar, fiel ao seu estilo mentireiro e prepotente, segue vendendo fume e boicoteando o traballo feito polos concelleiros de Manifesto Miñor, a pesar de expulsarnos do goberno municipal hai dous meses”, afirma Araújo, quen asegura que con todo, o máis grave é que existe un proxecto aprobado de 84.000 euros dentro do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra que resolvería definitivamente “o estado lamentable” do devandito aparcadoiro “dándolle outro aspecto á zona da contorna da Praza de Abastos”.

O proxecto, segundo Araújo, conta con todas as autorizacións sectoriais favorables desde hai meses, mesmo coa advertencia por escrito del mesmo cando era concelleiro de Urbanismo para que se procedese á contratación urxente das obras polo risco de perder a subvención. “Fixo caso omiso á miña advertencia como era habitual nel respecto das propostas e proxectos presentados por Manifesto Miñor”.

A segunda fase do arranxo dese importante espazo urbano consiste na construción dunha pasarela de madeira sobre o río Zamáns, unindo a Praza de Abastos coa circunvalación. Un proxecto tamén aprobado e subvencionado polo Plan Concellos 2017 (38.000 euros) e levado adiante tamén pola Concellería de Urbanismo e Medio Ambiente dirixida por Antonio Araújo. “A día de hoxe para poder contratar as obras, só está pendente dun terceiro informe e da autorización definitiva de Augas de Galicia, que por certo debería reclamar con insistencia como fixemos outros, pola importancia e interese para Gondomar do devandito proxecto”.

Finalmente, Araújo insta o alcalde a que se despreza ou non quere levar adiante os proxectos postos en marcha por Manifesto Miñor no aparcadoiro da Praza de Abastos, “polo menos teña a decencia política de tapar as fochancas cunha capa de xabre, ou declaralas como lagoas protexidas”.