Dobre sesión de teatro na Casa Colorida

FOTO: NON SI? TEATRO // Equipa da obra "Romance de Micomicón e Adhelala".

A Casa Colorida (Rúa Rosalia de Castro 16, Nigrán) continúa este fin de semana coa súa programación de decembro. O sábado 15 recibirán na #SesiónVermú ao grupo infantil da aula de teatro de Baiona »Maxín Teatro», que representará a obra “Mort”, baseada na novela de Terry Pratchett con dramaturxia e dirección de Mónica Sueiro. Coma sempre nas SesiónVermú Coloridas haberá petiscos, cervexa artesá do Val Miñor e como novidade zume artesá de mazá feito na Casa.

Pola tarde, dende as 16:00 ata as 18:00 horas, ábrese un espazo de xogo aberto, libre e gratuíto, aproveitando a SesiónVermú do mediodía dinamizada polas crianzas de Maxín Teatro de Baiona. Teatro-xantar-convivio-espazo xogo libre. Ademais, estarán a unha beira construíndo monicreques e xogando con eles, dirixido a persoas e androides de -2 a 399 anos de idade. Os de 0 a 5, precísase que queden acompañados durante o momento de xogo libre.

O domingo 16 contarán na #SesiónVermnú Colorida con Non Si? Teatro e a obra «Romance de Micomicón e Adhelala», de Eduardo Blanco Amor, interpretada por Isaac Villar, Iria Collazo, Jorge Pérez, Maite González e J. M. Egido, e con dramaturxia e dirección de Mónica Sueiro. Un príncipe xigante, unha raíña histérica, un feitizo e moito máis nunha farsa de 50 minutos para todos os públicos. Entrada a gorra ata encher o aforo.

Trapalandia é un reino estrafalario gobernado por unha raíña histérica nun palacio a piques de derrubar polas arroutadas de Micomicón, un príncipe xigante por mor dunha maldición. Entre tanta tolemia vive Adhelala, unha princesa cativa que posúe a sabedoría e o valor para cambiar as cousas. Só ela coñece a orixe do mal do príncipe e o feitizo para curalo.

Coma sempre petiscos, cervexa artesanal do Val Miñor Trisk-Ale e como novidade zume artesán de mazá feito na Casa.