Gondomar destina 60.000 € á mellora do Camiño Barcalla en Donas

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Obras de mellora no Camiño Barcalla.

O Concello de Gondomar, na súa aposta por mellorar o estado no que se atopan os camiños no rural, está a levar a cabo o acondicionamento do Camiño Barcalla en Donas. A primeira fase xa finalizou e a principios do próximo mes de xaneiro quedarán terminados os traballos, que supoñen unha actuación nun tramo de 320 metros. O importe das obras, financiadas cunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) dentro do Plan de Actuacións 2018/2019 destinadas ao arranxo de camiños de titularidade municipal, ascende a 59.295,84 €. Cabe destacar a necesidade desta obra xa que non se fixo ningún tipo de actuación neste viario desde hai máis de dúas décadas.

O obxectivo principal é mellorar a pavimentación, co fin de favorecer o acceso dos veciños ás súas vivendas e ás súas leiras, ademais de adecualo para o tránsito de peóns. Tamén constan no proxecto, pequenas actuacións en drenaxe para favorecer tanto o acceso como a súa durabilidade, e dotación de elementos de seguridade viaria, tales como sinais verticais de stop, de limitación de velocidade e espellos de tráfico. Inclúe o proxecto cunetas en lastra entre os bordos do pavimento e dos muros existentes nalgúns tramos. Finalmente contempla o pintado con marca viaria dos bordos da calzada pavimentada.