Cada Nadal, o clásico é sortear unha tradicional cesta de vimbio chea de produtos típicos destas festas. Con todo, este ano na Comisión de Festas Santa Mariña de Vincios decidiron cambiala por unha carretilla. “Parecíanos algo máis tradicional”, afirma Juan Francisco Rodríguez, o seu presidente. “Decidimos saírnos do normal”, engade, á vez que destaca e agradece a colaboración dos veciños, que colaboraron achegando todos os produtos incluídos na mesma.
A carretilla de Nadal está valorada en máis de 400 euros, con entre outras moitas cousas, turrón, pasas, mazapán, améndoas recheas de cacahuete, un xamón ou unha folla de bacallau, e todo tipo de bebidas, desde champaña ata sidra pasando por licor. As rifas, ao prezo de 1 euro, véndense de casa en casa, aínda que hoxe xoves tamén poden adquirirse na cantina da comisión na Romaría de Santa Lucía.
“A xente está a colaborar bastante ben, e esperamos ter todas vendidas para o luns ou martes”, afirma Juan Francisco Rodríguez. O boleto cuxas catro últimas cifras coincidan co primeiro premio da Lotería de Nadal, que se celebrará o vindeiro sábado día 22 de decembro, será o gañador da carretilla de Nadal.

