Negocios do Val Miñor simulan o seu peche para concienciar da importancia do pequeno comercio

mde

Actualmente o peor inimigo dos pequenos negocios locais son as compras por internet nas grandes plataformas, e nas grandes cadeas en detrimento do comercio de proximidade.

Co Nadal ao virar a esquina, a petición de distintos asociados, a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) propuxo a asociados e non asociados a sumarse á campaña de impacto “Un pobo sen vida”, levada a cabo noutros municipios como León, Vilagarcía, Caldas, Boiro, Ourense, A Guarda… para concienciar á poboación da importancia nos pobos dos negocios locais e da necesidade de comprar nos pequenos comercios.

Hoxe 13 de decembro, foron moitos os pequenos negocios que aparecen cos seus escaparates tapados simulando o peche do negocio, e permanecerán así toda a xornada, para mostrar aos nosos veciños como sería a vida nos nosos concellos sen os pequenos negocios locais.

Aínda que seguiron a iniciativa diferentes establecementos en Sabarís, Ramallosa e Nigrán, foi especialmente rechamante o seguimento deste peche ficticio polos pequenos negocios do Concello de Gondomar, onde en moitas rúas os negocios amenceron hoxe coas súas fachadas empapeladas.

Nos establecementos que se adheriron á iniciativa, ademais do escaparate empapelado, locen carteis como “PECHADO” ou “SE TRASPASA”, acompañado doutros cos seguintes slogans: “XUNTOS CONSEGUIREMOS QUE O POBO TEÑA VIDA”, “COAS TÚAS COMPRAS, FAS POSIBLE O COMERCIO LOCAL”, “SOMOS MOITO MÁIS QUE COMERCIOS”, “IMAXINA O TEU POBO SEN COMERCIO”, “GRAZAS A TI O PEQUENO COMERCIO É MÁIS GRANDE”, “SEN COMERCIO OS NOSOS MOZOS NON TEÑEN FUTURO” ou “MOITOS EMPREGOS PRESENTES E FUTUROS DEPENDEN DO PEQUENO COMERCIO”.

OVALMI dá as grazas a socios e non socios polo bo recibimento que tivo esta iniciativa.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.