Rexeitada no Parlamento Galego a ILP por un Bosque Autóctono

FOTO: CO-MANDO GICHAS // Milleiros de eucaliptos agroman tras os incendios. Monte do Galiñeiro (Vincios), 3 de outubro de 2018.

O pasado día 20 de novembro levouse a cabo no Parlamento Galego o debate e votación da ILP para a Defensa do Bosque Autóctono e a prevención de Incendios Forestais, sendo esta iniciativa lexislativa popular a máis apoiada da historia do noso autogoberno no eido medioambiental, acadándose 42.328 sinaturas (catro veces o mínimo legal para tramitar a Lei no Parlamento) por toda Galicia, tamén no Val Miñor, onde o colectivo Co-mando Ghichas puxo mesas informativas e varios locais colaboraron na recollida. A pesares disto, a iniciativa foi rexeitada cos votos en contra do PP, a abstención do PSdeG, e o apoio do BNG e En Marea.

“O lamentable resultado da votación, dá mostra de novo do desprezo dos partidos maioritarios pola vontade da sociedade galega de mudar o modelo de xestión forestal e de favorecer un monte con futuro (no que se aposte pola madeira de calidade, os produtos do bosque e pola sustentabilidade dos aproveitamentos), posicionándose de novo a favor dos intereses económicos das grandes empresas e pasando por alto as consecuencias negativas que as súas actividades teñen sobre a saúde, o medio e as economías locais”, critican desde o colectivo miñorán.

No debate escoitáronse argumentos como os esgrimidos polo voceiro do PP, Moisés Blanco, «non hai impacto negativo do eucalipto», «precisar o concepto de pirófito», «en ningún caso pode considerarse invasora”, ou polo do PSdeG, Raúl Fernandez,que defendeu a abstención porque «confían nas reformas recollidas no ditame».

“O resultado era esperable polas maiorías no parlamento, pero é decepcionante seguir escoitando este tipo de afirmacións en contra da evidencia. A parte positiva desta ILP é que permitiu concienciar sobre os impactos negativos da expansión incontrolada do eucalipto, serviu para reunir e agrupar colectivos, entidades e persoas que desexan outro tipo de monte e contribuíu a visibilizar unha alternativa de monte posible e alcanzable. E tamén comprobar que somos tanta xente xa concienciada ten que darnos forzas para seguir organizándonos, participando, apoiando iniciativas, cadaquén dentro das súas posibilidades, a prol dun bosque noso, protexido e autóctono, libre de incendios, de invasoras, sostible e diverso”, conclúen desde Co-mando Ghichas.