Globos pola igualdade dos dereitos fundamentais das persoas en Baiona

A Praza de Abastos de Baiona acolle desde o pasado 4 de decembro a exposición “Globos pola igualdade dos dereitos fundamentais das persoas”, realizada polos 450 alumnos e alumnas do CPI Cova Terreña, e que versa sobre os dereitos do neno e os dereitos humanos con motivo do Día Universal da Infancia e o 70 aniversario da declaración universal dos Dereitos Humanos. Este luns tivo lugar a inauguración da mostra, á que asistiron algúns alumnos e alumnas do centro, acompañados dos seus profesores e da directora, Isabel Martínez Cabaleiro, o alcalde, Ángel Rodal, e a concelleira de Comercio, Mª Carmen Paredes.

O proxecto, realizado no curso escolar 2017/2018, consistiu na elaboración de máis de 70 globos que mostran os dereitos fundamentais e liberdades básicas, que nos fan reflexionar sobre a vulneración de dereitos que día a día sofren moitas persoas en situación ou risco de pobreza, exclusión social, explotación e desigualdade. “Os alumnos ilustran como entenden eles os dereitos e enuncian cada un deles. É un traballo do centro que agora traemos á rúa para que todo o mundo poida participar de el”, destacou a directora do CPI Cova Terreña.

Anuncios