O centro de saúde de Val Miñor, premio nacional á investigación “Movendo as neuronas”

Mª Isabel Carril, Goretti Fernández, Silvia Portela e Nadia Rodríguez.

“Movendo as neuronas” é o título do proxecto comunitario de investigación do centro de saúde de Val Miñor que vén de recibir un premio nacional da REAP, Rede Nacional de Atención Primaria -Asociación científica que ten por obxectivo principal promover e desenvolver a investigación e a formación no primeiro nivel asistencial-.

As autoras deste proxecto son 4 residentes de Atención Familiar e Comunitaria da Unidade Docente Multiprofesional da EOXI de Vigo, tres médicas e una enfermeira: Silvia Portela, Goretti Fernández, María Isabel Carril e Nadia Rodríguez.

O obxectivo é analizar a prevaleza das alteracións da memoria na poboación de 50-69 anos da área do centro de saúde de Val Miñor para realizar unha intervención preventiva e poder así comparar a súa evolución, xa que segundo explica Silvia Portela, “apenas existen estudos destes problemas nesa franxa de idade”.

“Partimos dunha investigación previa, na que tras estudar a 190 pacientes, concluímos que o 15,7% da poboación por debaixo dos 65 anos presentaba algún tipo de problema relacionado coa memoria. Esta circunstancia foi a que motivou o desenvolvemento e implantación dunha intervención nestes pacientes”- explica Portela.

Obradoiros de estimulación

Os problemas da memoria, nalgúns casos, poden acabar desenvolvendo un empeoramento dos síntomas.

En pacientes de máis de 65 anos, a realización de intervencións preventivas en Atención Primaria teñen demostrado a súa efectividade para poder prever ou atrasar a evolución deste deterioro. Agora trátase de constatar a mesma eficacia nos menores desa idade.

Estas intervencións consisten basicamente na realización de obradoiros de estimulación da área cognitiva e da psicomotriz .

Se o estudo demostra a eficacia destes obradoiros, se expoñería a implantación destes programas preventivos nos centros de saúde da área de Vigo.

Anuncios