Anuncios
Ticker de novas

Arrancan as obras de construción da nova pasarela de Santa Marta

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, estivo a revisar as obras de construción da nova pasarela de Santa Marta, financiada pola Xunta de Galicia cun investimento de 437.787 euros e que a empresa COVSA terá que deixar lista en menos de tres meses. É unha obra de vital importancia xa que dará continuidade ao carril bici existente, que une Vigo e A Guarda. A infraestrutura conta con máis de dúas décadas e mostra unha deterioración importante, ademais de estar pensada só para uso peonil, e nestes momentos utilízana tanto os peóns como os usuarios da bicicleta, creando situacións de perigo e de inseguridade debido á súa escasa anchura.

Na intervención prevese a colocación dunha nova pasarela de madeira de 4,5 metros, fronte aos 3 actuais, e nos 60 metros anteriores á pasarela está prevista unha lixeira ampliación do ancho existente ata os 4,5 metros, aproveitando unha parte da zona axardinada. Tamén se alargará a zona destinada ao tránsito peonil e habilitarase unha banda diferenciada de 2 metros para a circulación de ciclistas. Xa no último tramo, na transición entre a pasarela e o paseo actual, a zona destinada á circulación de ciclistas sinalarase cun tratamento superficial, co obxectivo de diferenciala da correspondente ao tránsito.

Rodal di que “é moi importante o garantir a seguridade dos viandantes, aínda que isto requira realizar investimentos importantes, e gustaríame lembrar que o Camiño Portugués pola Costa é todo un éxito e crece a un ritmo alarmante, á vez que é beneficioso para a nosa Vila, por todo isto temos que modernizarnos e adaptarnos aos novos tempos e garantir a seguridade de todos os amantes das bicicletas e lograr que sentan cómodos e animar á súa vez a que nos visiten paseando tranquilamente en bicicleta”.

Con este motivo, o Concello de Baiona acaba de instalar puntos de ancoraxe para bicicletas por toda a Vila, que unido a esta nova obra de mellora na conexión entre Vigo e A Guarda, “fannos ter a localización específica perfecta para un descanso na metade do camiño, e poder así gozar dos nosos costumes, paisaxes, xentes e gastronomía aos novos viaxantes á vez que os nosos veciños e veciñas tamén poden gozar destes servizos”, destaca Rodal.

Desde o goberno local sinalan que a súa aposta por unha Vila saudable é clara, “e con proxectos como os levados a cabo, lograremos entre todos ser punteiros no coidado ao medio ambiente, e en conseguir co tempo un transporte máis sustentable. Pero entendemos que para que isto suceda somos nós os dirixentes os que temos que dar as facilidades para levalo a cabo con máis seguridade para o usuario da bicicleta e para o viandante ofrecéndolle máis opcións de aparcadoiro como se está facendo”.

Anuncios