Nigrán renuncia a unha subvención de 11.500 € por un erro na súa tramitación

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Punto Wi-Fi gratuíto na Praza do Concello de Nigrán.

O alcalde de Nigrán asinou o 30 de outubro unha providencia polo que, debido a un erro na tramitación, o Concello de Nigrán renunciaba a unha subvención de 11.520,05 euros, negándose a contestar no pleno do pasado mes de novembro cal era dito erro, segundo sinalan desde Nigrán Decide.

“A negativa a contestar do Alcalde a unha pregunta formulada por escrito coa suficiente antelación, ademais de tratar de eludir o control do seu goberno por parte da oposición, podería deberse a que a instalación dos catro puntos de WIFI en Nigrán realizouse mediante a adxudicación por parte do Alcalde dun contrato ilegal o día 18 de setembro de 2018”, afirma José Cuevas.

A pesar de que os contratos menores non poden ter unha duración de máis dun ano, a adxudicación desta instalación tramitouse como contrato menor, cando ten unha duración de cinco anos polos servizos de mantemento que leva asociados, ademais de ser adxudicado a unha empresa cunha oferta case un dez por cento maior que a máis barata.

“Veremos a quen trata de responsabilizar agora o goberno da perda desta subvención, pois parece claro que un goberno cuxa función principal é sacarse fotos non pode ter a culpa”, ironiza Cuevas, para continuar indicando que “a xestión do Concello é unha cuestión seria, tanto para as arcas municipais, como para as empresas ás que se lle contratan servizos. Detrás da suposta boa intención do goberno de favorecer iniciativas locais de emprego, o que realmente está facendo este goberno é poñer en risco a estas novas empresas, polas dificultades que van ter para cobrar, ao facerlle contratos ilegais”, finaliza Cuevas.

Anuncios