O mércores 5 de decembro o Concello de Baiona inaugura o alumeado de Nadal, que corre a cargo da Asociación de Empresarios de Baiona en Colaboración coa Concellería de Cultura. A Alameda Carabela Pinta acollerá ás 19:00 horas o acto de aceso das luces. Xa desde as 17:00 horas haberá animación e obradoiros infantís, e ás 18:30, un concerto de “La Patrulla”.
A Asociación de Empresarios de Baiona ten a súa orixe no ano 1995, debido a que nesa época, a Real Vila non tiña iluminación de Nadal e un grupo de empresarios e comerciantes reuníronse e decidiron saír á rúa para pedir ao resto de negocios unha achega económica voluntaria para que tivese por primeira vez o seu alumeado.
Foi a partir dese momento cando estes empresarios (Teresa Tornero, Carlos Rodríguez, Carlos Fernández, Isabel Alborés, Álvaro Álvarez, Mariano Álvarez, Agapito Sánchez e Pili Varela) decidiron crear a Asociación de Empresarios de Baiona (ACEBA) e levan 23 anos poñendo a iluminación de Nadal na Vila.
En canto á iluminación, estes días estívose traballando na decoración das distintas rotondas do municipio. Todas as glorietas de Baiona sitúanse en puntos estratéxicos de entrada á localidade polo que tanto baioneses como visitantes serán recibidos nestas singulares datas con luz e cor. O tendido do Nadal xa loce tamén en todas as parroquias da localidade, poñendo cor a Baíña, Baredo, Belesar e Santa Cristina da Ramallosa.
Os encargados de colocar a iluminación nas zonas comerciais, das que se encargan de forma conxunta o Concello e ACEBA, e das rotondas, a cargo do Concello, foron os operarios da empresa LS Iluminación de Gondomar, mentres que as luces situadas nas parroquias e zonas non comerciais foron instaladas por operarios municipais, a cargo tamén do Concello.

