Arranca o Nadal en Nigrán

O Concello de Nigrán inaugurou este sábado a programación de Nadal coa festa de acendido do alumeado, instalado nas últimas semanas por operarios da empresa LS Iluminación de Gondomar, a cargo do pallaso Peter Punk nunha Praza do Concello á que asistiu numeroso público de todas as idades.

Ao longo dun mes que remata coa tradicional Cabalgata de Reis e un festival solidario ao día seguinte, o Concello ofrecerá un amplo abano de propostas de ocio para todo tipo de público: dende animación infantil para os nenos, eventos deportivos como a xa establecida carreira San Silvestre e os torneos do Club Baloncesto Nigrán e Panxón Fútbol Sala, concertos de corais ou rondallas, teatro, baile para maiores… Medio cento de actividades que rematan coa gran Cabalgata de Reis e que terán todas un fin solidario, xa que o Concello realizará unha recollida de alimentos non perecedoiros en cada evento.

Para arrancar a programación, ao igual que o ano pasado, Peter Punk foi o protagonista dunha festa do acendido dirixida a un público familiar, na que desfrutaron tanto os pais coma os nenos. O nigranés Isaac Rodríguez Miranda, Peter Punk, está considerado o mellor pallaso galego do momento, destacando as súas actuacións polo seu dinamismo, humor traste e malabares, na que a comicidade se mestura coa habilidade na procura da gargallada do público. Gañador do Mundoclown 2008 e do Festiclown Rivas-Vaciamadrid 2013 e 2014, xirou por Brasil, Arxentina, Palestina, Italia, Portugal e multitude de festivais estatais e galegos. Con máis de 900 funcións realizadas, Peter Punk é un dos clowns de referencia, cun humor fresco sen comparación.

A programación de Nadal continúa o domingo con teatro infantil a cargo de Voltereta e Volvoreta ás 18:00 no Auditorio Municipal, un dúo que volverá a entreter aos nenos o venres 21 na Praza Rosalía de Castro coa visita de Papá Noel incluída ou o día 22 no Auditorio e o 24 na Praza da Feira de A Ramallosa. Entre outras das opcións para os pequenos destaca, ademais da Gran Cabalgata do día 5, a actuación de Cé Orquestra Pantasma o sábado 29 no Auditorio. Ao marxe, o Concello de Nigrán ofreceu a todos os colexios públicos de Nigrán a posibilidade de recibir aos carteiros reais ou a Papá Noel os días 17, 18 ou 19 de decembro. Para tal ocasión, o Concello entregará previamente aos alumnos 2.000 cartas con sobre deseñadas en exclusiva pola nigranesa Olalla Fernández. Paralelamente, o Auditorio Municipal acollerá a ludoteca municipal do 26 ao 4 de xaneiro e organizará unha excursión a Perlim o 27.

Entre outras actividades, destacan polo seu carácter festivo e tradicional a Rondalla de Parada, que a tarde do 24 desfilará por Nigrán, Praia América, Panxón e A Ramallosa ou os concertos de corais o 8 e o 19, o baile para maiores o 16 e o concerto de Baiona Bay o 23. O teatro será o protagonista o día 6 ou o 28 e no eido deportivo, o Concello mantén a súa aposta pola carreira San Silvestre o día 30 de decembro e celebra os clásicos torneos solidarios do Club Baloncesto Nigrán e Panxón Fútbol Sala. Ciudad Ciencia tamén estará presente na programación cunha cata de chocolate na que se descubrirán as súas propiedades.

A tradicional Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro coa posterior recepción ás Súas Maxestades no Pavillón de Panxón poñerá o broche final a toda a programación de Nadal, que continúa ao día seguinte cun festival solidario de Bambú no Auditorio Municipal.

PROGRAMA NADAL EN NIGRÁN

Anuncios