No pleno da corporación de Nigrán celebrado este xoves acordouse, a iniciativa do grupo municipal de Nigrán Decide, iniciar un expediente de responsabilidade patrimonial para reclamar ao Alcalde de Nigrán a cantidade de 3.005,07 euros, importe da sanción imposta por non prohibir o baño, non informar da contaminación da zona de praia, poñendo en risco a saúde da poboación durante o episodio de contaminación microbioloxica acontecido o 9 de agosto do ano 2017 en Nigrán.
“Coa tramitación do expediente deberán depurarase as posibles responsabilidades do alcalde na súa decisión e, se así se determina, esixirlle o pago desta multa para resarcir ao Concello dos danos producidos polo seu comportamento que, como mínimo, cualificamos de grave neglixencia”, sinala José Cuevas, para continuar aclarando que “a sanción foi imposta por poñer en risco a saúde das persoas, non pola existencia dun vertido. Dalgunha forma hai que poñer freo a estas actuacións do goberno de Nigrán pois, en caso de que o risco se materializase enfermando bañistas, a maiores, o dano para a imaxe de Nigrán sería irreversible”, finaliza Cuevas.

