O pasado 10 de outubro o secretario xeral Alfonso Rueda e o coordinador da zona Jesús Vázquez Almuíña, nunha xuntanza coa executiva local do Partido Popular, deron a coñecer o nome da persoa elixida para encabezar a candidatura en Gondomar, cargo que recaeu en Paula Bouzós Barros, presidenta actual do partido.
Para reafirmar este nomeamento, este sábado farase a presentación oficial aos veciños da candidata do Partido Popular de Gondomar ás vindeiras eleccións locais de maio de 2019. O acto contará coa presenza do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, e o secretario xeral do partido, Alfonso Rueda Valenzuela. O acto desenvolverase no Auditorio Municipal Lois Tobío e dará comezo ás 13:00 horas.
Paula Bouzós Barros naceu en 1974 na parroquia de Vilaza, é técnico especialista administrativo e de contabilidade. Está vinculada ao PP dende fai máis de quince anos, e dende 2017 é a presidenta local do partido. En 2007 comezou a formar parte das candidaturas municipais, e entre 2011 e 2015 foi concelleira delegada de Educación, Turismo, Sanidade, Comercio e Industria de Gondomar. A nivel municipal, tamén colaborou activamente con clubs e asociacións locais, como por exemplo a comisión de festas ou a Asociación de Veciños da súa parroquia.

