Baiona acolle a 38 mozos e mozas de 7 países diferentes que participan no programa Erasmus+

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, recibiu esta mañá a 38 mozas e mozos de 7 países diferentes entre os que se atopaban Portugal, Estonia, Sicilia-Italia, Grecia, Alemaña, Malta e España, ao amparo do programa “Erasmus+”.

A través deste programa europeo e froito do convenio da Asociación Cultural Luenda co Concello de Baiona, estes mozos e mozas mantiveron un encontro co rexedor, que lles comentou que “Baiona sempre xoga un papel principal de acollida” e este caso non ía ser diferente. Rodal enxalzou as marabillas do municipio e informou os mozos de que este ano recibiron máis de 10.000 peregrinos de 35 países diferentes, especialmente de Italia e Portugal.

Ademais, o alcalde recalcou que “é para o min un orgullo recibilos e poder facerlles de anfitrión na súa breve e curta estancia na nosa Vila, que cada vez é máis internacional, convidándoos a que sexan os nosos novos embaixadores unha vez regresen aos seus países de orixe, porque no pouco tempo que tiveron para visitarnos leváronse unha grata impresión desta vila tan fermosa”.

O obxectivo do proxecto da Asociación Luenda baséase na procura dun espazo de encontro que permita reflexionar sobre a saúde de mozos e mozas, para así profundar na problemática das novas adiccións, desordes alimenticias, depresións e outras problemáticas que afectan a mocidade.

Rodal agradece a estas asociacións que pensen en Baiona como un referente para que estes mozos gocen ao mesmo tempo que aprendan sobre un tema tan importante como é a saúde e axúdelles a reflexionar coa problemática das adiccións, por todo isto anima e agradece á Asociación Luenda estas iniciativas.