Nigrán Decide preguntará no pleno da corporación que se vai celebrar este xoves, día 29, polo impacto real do parque empresarial de Porto do Molle, no emprego da veciñanza de Nigrán.
Hai que destacar que en corporacións anteriores, tanto o PSOE como o PP, estando na oposición presentaron mocións para establecer algún compromiso para que, na medida do posible, os postos de traballo creados e ofertados polas empresas que se instalasen no Parque Empresarial de Porto de Molle poidan ser ocupados por persoas desempregadas do municipio.
Sen embargo, segundo datos oficiais, en abril de 2011 estaban afiliadas ao Réxime Xeral da Seguridade Social 4.524 persoas residentes en Nigrán; en marzo de 2018 eran 4.488, é dicir, 36 menos. “Isto lévanos a pensar ao grupo municipal de Nigrán Decide que as políticas por parte do Concello para que a veciñanza de Nigrán se beneficiase dos “miles de postos de traballo de Porto do Molle (1.900 empregos estimados, segundo se indica na web da Zona Franca)” foron inexistentes ou ineficaces”, sinala José Cuevas, para engadir que “pasados 8 anos desde que o PP e o PSOE presentaran estas mocións, con catro anos de goberno do Partido Popular e outros catro anos do Partido Socialista, é a hora de facer un balance do impacto real do Parque Empresarial de Porto do Molle no emprego da veciñanza de Nigrán”.

