Charlas para entender a factura da luz e gas natural en Baiona

O Concello de Baiona, en colaboración coa Escola de Enerxía Naturgy, organiza unhas charlas sobre economía doméstica co fin de axudar aos veciños e veciñas a entender o recibo da luz e o gas, e nas que se ofrecerán consellos para aforrar na factura.

O obxectivo é fomentar o aforro promovendo para iso a adopción de medidas que favorezan un uso máis eficiente e sustentable da enerxía. O responsable de impartir as charlas tratará de expoñer de forma sinxela e práctica os aspectos que temos que ter en conta á hora de contratar unha subministración básica, así como a forma correcta de interpretar as facturas da luz e do gas natural.

A charla está exposta tamén como coloquio, xa que os asistentes poderán expor as súas consultas ao relator para tratar de aclarar as dúbidas concretas que se lles xeren nesta materia, polo que é importante que todos eles leven unha factura de luz e gas.

Esta actividade terá lugar o vindeiro xoves, día 29 de novembro, de 11:00 a 13:00 horas na Casa da Navegación de Baiona (R/ Ventura Misa, 17), e de 16:00 a 18:00 horas no Centro Sociocomunitario (R/ Dolores Agrelo, 16 – á beira do Pavillón de Deportes).

Anuncios