Baiona convoca un ano máis o concurso de decoración de Nadal

A Concellería de Comercio do Concello de Baiona convoca unha nova edición do concurso de decoración de Nadal para os establecementos do municipio, co obxectivo de promover e incentivar a creatividade comercial de Baiona á hora de presentar os establecementos, facelos máis atractivos ao consumidor/a, reforzando a imaxe dos mesmos e dinamizando o comercio.

Desde a Concellería de Comercio, anímase aos negocios para converterse nun referente comercial decorativo no Val Miñor. A intención é que esta actividade tamén atraia ata a vila a visitantes e veciños co fin de gozar dunha contorna ambientada coa singular decoración que anime ás compras do Nadal.

A temática dos escaparates e dos establecementos estará vinculada ás datas de Nadal, o que contribuirá a crear un ambiente festivo propio destas festas. Desde o Concello premiarase aos negocios que, con motivo da campaña do Nadal 2018, mellor engalanen as fachadas e o interior dos seus negocios.

Haberá tres categorías de premios a repartir entre os establecementos participantes: premio á fachada ou escaparate mellor engalanado, premio á mellor decoración interior e premio á orixinalidade e innovación, todos eles dotados con 250€.

Poderán participar neste concurso todos os establecementos do Concello de Baiona (comercio polo miúdo, restauración, hostalería, etc.) que o soliciten formalmente e dentro do prazo establecido nas bases. A inscrición para participar xa se pode realizar na Oficina de Rexistro do Concello ata o 10 de decembro en horario de 9:00 a 14:00 horas.

A decoración da fachada e a decoración interior deberán centrarse nas festas do Nadal e manterse como mínimo desde o día 10 de decembro ata o 6 de xaneiro de 2019. Para recoller as imaxes dos escaparates será necesario enviar un dossier de fotografías (máximo 10) ao correo electrónico concurso.nadal@baiona.org e indicar o número de inscrición. Na súa falta será posible entregar un dispositivo USB con este contido ás Asociacións de Comerciantes ou na propia Concellería. A data tope para entregar a parte documental das creacións será o 4 de xaneiro. No escaparate deberán ter instalado o cartel acreditativo da súa participación no concurso.

Anuncios