Primeiro derbi miñorano da tempada e un notable en xogo e resultado para o Cereixa Gondomar FS. O visitante pasou como un ciclón na chuviosa tarde gondomareña para quedar con outros puntos que lle sitúan como segundo na clasificación. Era un partido importante porque o Abetos FS sempre llo pon moi difícil aos de Vincios pero o equipo saíu moi enchufado e proba diso foi o gol que abriu o marcador ao minuto de xogo. Gabriel Denis Vasconcellos revolvíase e atopaba a rede (0-1).
O local tentaba atopar espazos na pechada defensa visitante que esperaba a súa oportunidade á contra e así foi; Rubén interceptaba un pase cruzado para plantarse diante do porteiro e rebentar a portería (0-2). Pouco antes do descanso, Carlitos Figueroa Fernández puido aumentar a vantaxe pero o seu disparo repelíao un defensa local in extremis. Final do primeiro acto e vantaxe para os de Gondomar que actuaban de visitante.
Na continuación o local saíu con máis ganas que xogo e aínda que tivo unha lixeira posesión no inicio, vía como Gabriel Denis Vasconcellos aproveitaba un agasallo do porteiro para poñer o 0-3. A lesión de Fon (do mellor do local) minguaba os intereses do Abetos FS que estaba superado e alcanzaba as cinco faltas en contra mediado o complemento. Tivo a oportunidade desde o punto de dobre penalti Álex Cabral Álvarez pero o seu disparo iríase alto. Quen non fallou foi Huguito Gonzálvez que na segunda oportunidade poñía o 0-4 para a tranquilidade do Cereixa Gondomar FS.
Nese momento o Abetos FS sacou porteiro xogador e rapidamente atopou o desconto nun balón cruzado que se coou entre as pernas de Alberto Comesaña Rodríguez (1-4). Con todo todo foi un espellismo xa que novamente apareceu Rubén no partido para desarbolar a defensa local e servir primeiro a Luca o 1-5 e posteriormente marcar o 1-6. O local non cesaba no seu empeño de descontar pero un roubo de Luca deixaba o carril central para “pasar” a portería (1-7). Huguito Gonzálvez pechaba o partido desde o dobre penalti con algo de fortuna xa que o balón coábase entre as pernas do porteiro (1-8).
Final e alegría no vestiario xa que se sacou adiante outro partido complicado. Suman 9 vitorias sobre 10 partidos e agora toca pensar no premio gordo de 1/8 de Copa Galicia onde este xoves visitaralles o Pizarras Tres Cuñados (aspirante a ascender a división de prata). Ás 21:30 horas no Pavillón Municipal de Gondomar.

