Sin categoría

Adrián Valverde despediuse da súa condición de invicto na Copa Galicia

Despois de subir ao máis alto do podio Elite nas dez primeiras xornadas da Copa Galicia de Ciclocrós, o excepcional refacho de Adrián Valverde chegou ao seu fin este domingo en Carral. O baionés do Club Ciclista Rías Baixas terminou segundo da súa categoría na undécima proba puntuable, unha cita na que o representante da estrutura presidida por José Luis Chamorro deu un paso máis cara ao título final.

A carreira de Carral disputouse o día despois de que as condicións meteorolóxicas convertesen en épico o V Ciclocrós Concello de Dumbría. A auga acumulouse da maneira que se pode observar na fotografía que acompaña este texto. Nun circuíto impracticable nalgúns tramos, Valverde impúxose entre os Elite e ocupou a cuarta praza na clasificación absoluta.

O de Baiona abonouse ao cuarto posto absoluto durante a fin de semana. O domingo en Carral repetiu posición, pero nesta ocasión entre os tres primeiros meteuse un elite. Jorge Punzón (Prebetong) finalizou terceiro, avantaxando en 29 segundos ao miñorano.

A falta de seis xornadas para a conclusión da Copa, Valverde goza de máis de 300 puntos de colchón respecto a Punzón. A próxima carreira celebrarase o domingo que vén en Viveiro.