Sin categoría

O goberno de Baiona aproba os orzamentos e acusa ao PSOE de apoiar a unha “tránsfuga”

O goberno de Baiona conseguiu aprobar este venres de maneira inicial os orzamentos para o ano 2019 por importe de 8.853.043 euros cos votos a favor do PP, a abstención do BNG, os votos en contra de EU e a ausencia da xa concelleira non adscrita Beatriz González e dos catro representantes do PSOE, que abandonaron o pleno en solidariedade coa edil recusada ao incluírse nas contas a amortización da praza de técnica de prensa que ocupaba a súa irmá.

A tensa sesión, celebrada a porta pechada tras completarse o aforamento cunha trintena de veciños, por “motivos de seguridade”, segundo sinalou o alcalde, Ángel Rodal, comezou coa petición de Beatriz González de “mudarse” á bancada da oposición. Unha vez situada xunto aos concelleiros de Esquerda Unida, solicitou ao rexedor que se permitise o acceso do numeroso público que quedou fóra do salón, sen éxito. No momento de debater e votar o orzamento, a edila recusada abandonou a sesión entre aplausos do público, tanto do interior como do exterior, e berros de apoio.

Presupoñíase que o Partido Popular ía sacar adiante os orzamentos cun desempate grazas ao voto de calidade do alcalde, pero finalmente non foi necesario, ao chegar a un acordo cos concelleiros do BNG e incluír nas contas do próximo ano as súas emendas, ao entender Rodal que “eran unhas propostas razoables”. Aseguran desde o goberno popular que demostra así “os seus dotes de consenso e negociación, aínda que soubese que non necesitaba o apoio de ningún grupo político para a súa aprobación».

Para os socialistas, trátase duns orzamentos “de trámite”. Os nacionalistas, pola súa banda, insistiron en que debían tramitarse uns orzamentos de consenso entre todas as forzas políticas, obrando con responsabilidade e deixando de lado os intereses partidistas en favor de todos os veciños baioneses. Finalmente, Esquerda Unida presentou unha emenda á totalidade.

O orzamento para o ano 2019 increméntase en 235.326 euros con respecto ao de 2018. Segundo o goberno popular, trátase de “uns orzamentos máis sociais que nunca, xa que vense incrementados nun 30% máis que o ano pasado cunha nova inxección de 55.000 euros”. No tocante aos investimentos tamén se verá incrementado nun 30% máis que no ano 2018, tendo en conta que o importe real de investimentos ao longo do ano é moito maior do estipulado o documento, ao ser o resultante da suma dos investimentos que se poden conseguir de todas as administracións e que segundo Ángel Rodal no ano 2019 excederá os 2.500.000 euros de investimento repartido por todas as parroquias.

“O Partido Socialista optou por apoiar o transfuguismo”

Desde o goberno local acusan o Partido Socialista de optar por “apoiar o transfuguismo” ao ausentarse na votación das contas municipais, a “máis importante” segundo sinalan, “dando as costas a todos os seus votantes e acompañando á tránsfuga do Partido Popular”.

Tamén afirman que “Rodal quixo demostrar desta maneira que o quedarse en minoría o Grupo do Partido Popular (grazas a unha tránsfuga) non afecta en absoluto ao traballo diario, e por suposto non é unha traba para poder lograr un consenso que favoreza a todos os veciños e veciñas de Baiona nun goberno demócrata do século XXI”.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.