Nigrán invita á veciñanza a participar na lectura do manifesto contra a violencia

O Concello de Nigrán súmase á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres coa celebración esta semana de diversos actos alusivos. Así, coincidindo co Black Friday e a iniciativa do Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello de Nigrán, máis de 150 establecementos do municipio «vestirán» dende mañá venres os seus escaparates de negro en sinal de loito polas vítimas de maltrato (moitos xa iniciaron a campaña). Ademais, tamén mañá ás 11:30 horas na Praza do Concello, o goberno de Nigrán lerá o manifesto deste ano, acto que se repetirá o domingo ás 13:00 horas antes do concerto de “Blues do País” programado por tal motivo no Auditorio Municipal. Xa o luns, o CPI de Panxón acollerá un espectáculo de acrobacias e performance a cargo dos propios alumnos, que deseñaron a actuación tendo en conta esta data.

Baixo o lema “Nigrán en Negro” o Concello propón novamente «vestir» de loito os escaparates, maniquíes, mesas dos restaurantes, locais de entidades ou mesmo o propio persoal traballador en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia ou que faleceron por mor dela. O Concello sumouse o ano pasado a esta campaña de sensibilización cidadá titulada #EnNegroContraAsViolencias coa participación de cen locais, e este ano serán máis de 150. «Os establecementos comerciais e hostaleiros son os grandes protagonistas das nosas rúas, por iso precisamos a participación de todos, queremos mandar unha mensaxe unánime á veciñanza de denuncia e solidariedade, queremos un Nigrán libre de violencia», reflexiona o alcalde, Juan A. González.

«O obxectivo final de todas estas accións é deixar patente a nosa repulsa ante calquera tipo de maltrato á muller e concienciar disto a toda a veciñanza», finaliza o rexedor.

Anuncios