Baiona recibe a Mila López tras conseguir a Copa de España de Ciclismo Adaptado

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, en compañía da súa concelleira de Deportes, María Jesús Martíns, tivo un encontro onte tarde no Pavillón Municipal para facer entrega dun obsequio a Mila López Vernet, que hai uns meses logrou clasificarse como subcampioa de España na modalidade de Ciclismo Adaptado e hai pouco máis dun mes proclamouse campioa da Copa de España de Ciclismo Adaptado na categoría WH4.

A traxectoria desta baionesa neste deporte é meteórica e en pouco máis de cinco anos desde que alá polo ano 2013 comprase a súa primeira handbike, o seu palmarés foi crecendo ano tras ano ata o punto de quedar subcampioa de España e campioa da Copa de España este mesmo ano.

López agradeceu o xesto do alcalde e comprometeuse firmemente en volver á súa terra natal Baiona coa medalla de Campioa de España, e non descartou tampouco o poder conseguir un Campionato do Mundo.

Por outra banda, Rodal animouna a seguir coa súa traxectoria imparable e transmitiulle o orgullo que sente que Baiona teña grandes deportistas, pero o que lle agrada enormemente é que estes deportistas que ten Baiona, que rozan a perfección, son sinxelos, humildes e en definitiva grandes persoas, que co seu esforzo demostran á mocidade o lonxe que se pode chegar coa ilusión e o traballo diario. “Moitas grazas Mila a ti e a todos os que fan do deporte unha forma de vida, potenciando o compañeirismo e o esforzo para conseguir as metas propostas”.